Froito da colaboración co concello de Ourense, concellaría de Termalismo, programamos para o venres 25 e sábado 26 de setembro, dous filmes que reflicten o termalismo na súa máxima expresión; dúas fitas ambientadas en mananciais de benestar e que mellor lugar para facelo, que nas fontes termais das Burgas (na explanada da parte anterior).
As proxeccións son de balde ás 21 h. CEST grazas a devandita colaboración e ao ar libre, un factor que pode influir na súa celebración.
De seguido tedes o detalle dos filmes, non sen antes lembraros sobre un sistema de avaliación que queremos poñer en práctica, sírvenos para coñecer como imos facendo segundo vai desenvolvéndose a tempada; deste xeito, teredes unha ligazón nos comentarios, con cada evento que imos realizando, unha sinxela enquisa que podes acceder premendo primeiro sobre o título do evento (do filme que vexas).
Axúdanos coa túa participación para coñecer como o estamos a facer e, xa de paso, a espallar entre os teus amigos/as ou coñecidos/as os eventos do Cineclube Padre Feijoo. Moitas grazas pola túa colaboración.
Venres, 25 de setembro do 2015
«The Grand Budapest Hotel» · O Grande Hotel Budapest
(2014, EE.UU) 99 min.
Wes Anderson
Gustave H. (Ralph Fiennes), un lendario conserxe dun famoso hotel europeo de entreguerras, establece amizade con Zero Moustafa (Tony Revolori), un novo empregado ao que converte no seu protexido. A historia trata sobre o roubo e a recuperación dunha pintura renacentista de valor incalculable e sobre a batalla que enfronta aos membros dunha familia por unha inmensa fortuna. Como pano de fondo, os levantamentos que transformaron Europa durante a primeira metade do século XX.
Se o desexas, podes engadir este evento ao teu calendario ou facer a enquisa
Sábado, 26 de setembro do 2015
«Oci ciorne» · Ollos Negros
(1987, Italia) 118 min.
Nikita Mikhalkov
Baseada en tres contos de Chejov, relata a desgraciada vida sentimental que un italiano (Mastroianni), Romano Patroni, relata a un cabaleiro ruso a bordo dun barco. Patroni, a pesar da súa orixe humilde, consegue terminar a carreira de arquitectura e casa cunha rica herdeira. Algúns anos despois, coñece nun balneario a Ana, unha moza rusa da que se namora e á que persegue por toda Rusia. Historia de amores frustrados e ilusións perdidas.
Se o desexas, podes engadir este evento ao teu calendario ou facer a enquisa
