Arquivos da categoría historia

Nos días encantados de agosto

O cineclube convida o próximo martes 21 de marzo de 2022, ás 19:30 horas na Casa da cultura (Rúa Concello núm. 11 de Ourense), á presentación de “Nos días encantados de agosto” de Manolo González, do que contaremos coa presenza do autor e será introducido polo historiador Valentín Barreiros.

O libro é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido de José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934.

O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba.

Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega

Manolo González comezou como o axudante adolescente do seu pai na cabina do cinema Avenida da Rúa (Ourense), viviu na mocidade fascinado e enleado polo universo cinematográfico a través da participación en varios cineclubs. (Foi un dos que ollou “A tola” de Miguel Gato nas terceiras Xornadas de cine de Ourense, antes do secuestro e posterior desaparición definitiva do filme)

Profesionalmente encetou coas primeiras experiencias de cine e vídeo nas aulas en 1982. En 1984 foi responsable da Area de Cine e Cídeo na Dirección Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa, organizando as primeiras axudas públicas ao audiovisual galego e a posta en marcha do Arquivo da Imaxe de Galicia. Traballou nas áreas de realización e produción en curtametraxes e programas da TVG dos anos oitenta. Creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), participou activamente na investigación e catalogación do galego e a memoria audiovisual da emigración, con publicacións e traballos de campo an Arxentina, O Uruguai, México e Cuba. Entre outros, publicou Documentos para la Historia do cine en Galicia (1970-1990), así como colaboracións en libros colectivos, folletos e artigos, nomeadamente sobre política e patrimonio audiovisual, cinema da emigración e formación audiovisual. Foi director de desenvolvemento da produtora de animación Dygra Filmes (2004-2005) e creador e director da Axencia Audiovisual Galega, da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (2005-2009) e profesor de produción na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e no MPXA (Máster de produción e xestión audiovisual), na actualidade, exerce como profesor de Historia de España e Cultura audiovisual no IES Concepción Arenal de Ferrol, mentres segue a participar no encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2022).

O acceso é de balde. Pregamos puntualidade.

Sesións de novembro de 2022

A continuación o detalle das proxeccións extraordinarias, que vanse a desenvolver na Casa da cultura de Ourense (Rúa do Concello núm. 11) nos seguintes días e horarios:

.

venres 4 de novembro de 2022 * ás 20:30 h.

Julia y Fernando, una historia de vida

Luis Mancha (España, 2022) 84 min.

Homenaxe aos sociólogos Julia Varela e Fernando Álvarez-Uría.
A súa filosofía de vida está a rexerse por dous principios: non somos ninguén sen quen nos precedeu, quen nos acompaña na viaxe e quen ten que seguir o camiño; e é necesario facer sociedade: crear vínculos sociais que contribúan a cambiar o mundo.

(*) Previa reserva e dependendo da demanda, esta proxección pódese repetir o sábado e domingo (5 e 6 de novembro), co mesmo horario.

Vídeo

.

venres 11 de novembro de 2022 ás 20:30 h.

Ciudad de la Selva; Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio
Miguel Riaño (España, 2022) 66 min.

Cidade da Selva trasládanos a Casaio, unha pequena poboación galega na que a Guerra Civil Española alongouse ata o ano 1946. Este é o relato dun pobo cuxas feridas apenas empezamos a descubrir.

.

A recaudación íntegra, adícase ás Asociacións de memoria histórica en Ourense.

Vídeo

.

Dentro das actividades que organiza o CIMM arredor do #25N, con entrada de balde:

.

martes 15 de novembro de 2022 ás 20:30 h.

Alegría

Luis Otero (España, 2022) 80 min.

Un funesto 13 de novembro de 2002 produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro.

Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sur de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra praias de alto valor natural e paisaxístico.

Ante a incompetencia e a falta de medios de Xunta e Goberno, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe diante da incomparecencia das autoridades.

Documental realizado para Ecoloxistas en acción no 20 aniversario da catástrofe.

.

xoves 17 de novembro de 2022 ás 20:30 h.

The Assistant
Kitty Green (EUA, 2019) 87 min.

Jane (Julia Garner) é unha recentemente graduada universitaria e aspirante a produtora de cinema que consegue un traballo aparentemente ideal como asistente dun poderoso executivo da industria do entretemento. O seu día é moi similar ao de calquera outro asistenta: preparar café, cambiar o papel na fotocopiadora, ordenar o xantar, organizar viaxes, recibir mensaxes telefónicas, etc. Pero a medida que Jane segue a súa rutina diaria, é cada vez máis conscientes do abuso que colorea insidiosamente cada aspecto da súa xornada laboral, unha acumulación de degradacións contra as cales Jane decide adoptar unha posición, quizais só para descubrir a verdadeira profundidade do sistema no que ela entrou.

Magnífica película (…) en ‘The Assistant’ hai moitos tipos de violacións e a directora, con calculado respecto cara ás verdadeiras vítimas, deixa a peor parte á imaxinación do espectador.” (Elsa Fernández-Santos, El País)

Vídeo

.

xoves 24 de novembro de 2022 ás 20:30 h.

Las mujeres deciden
Xiana Lago (Ecuador, 2017) 59 min.

María é unha médica española que realiza unha investigación sobre embarazo adolescente e aborto clandestino nun hospital da Amazonía ecuatoriana. Alí coñece a Yanina, unha muller que decide abortar na clandestinidade e a Mishell, unha adolescente que foi abusada polo seu pai. A medida que avanza na súa investigación, María vai descubrindo que detrás dos embarazos non desexados, unha e outra vez escóndese a violencia sexual.

Vídeo

.